BOIRO> Un ano máis, a Clínica Dental Rebeca Ozores e a Asociación Boirense de Empresas volverán a poñer en marcha a campaña solidaria ‘Doa un Sorriso’.
Desenvolverase do 2 ó 13 de decembro e terá coma principal finalidade recoller a maior cantidade posible de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e doazóns económicas destinadas a familias do municipio en situación de vulnerabilidade.
Dende Cáritas e Cruz Vermella agradeceron unha vez máis a campaña, que permitirá poder axudar a aquelas familias do municipio que máis o precisan.
Á campaña, na que colabora tamén o Concello, incorpóranse este ano coma novidade huchas solidarias que estarán instaladas nos negocios que o desexen para facilitar doazóns económicas destinadas á compra de produtos de primeira necesidade, ademais dos tradicionais cubos de recollida.
O sábado 13 de decembro realizarase tamén unha gran recollida de alimentos nos principais supermercados da localidade, na que colaborarán voluntariado de Cáritas e Cruz Vermella e da propia organización.











