Localizado un veciño de Bealo que permanecía desaparecido dende a pasada noite

BOIRO> Axentes da Garda Civil de Boiro e Rianxo e o SEPRONA de Noia apoiados pola Policía Local e Protección Civil de Boiro participaron no operativo de busca que se iniciou á unha da madrugada, cando a filla do desaparecido deu aviso de que seu pai faltaba do domicilio dende mediodía.

O dispositivo de busca iniciábase ó redor da unha desta pasada madrugada, unha vez que a filla do desaparecido dera a voz de alarma, ó non ter novas do seu paradoiro dende a unha do mediodía. Dada a súa escasa mobilidade e as baixas temperaturas rexistradas durante a noite, despregouse un amplo dispositivo de busca no que participaron axentes da Garda Civil de Boiro e Rianxo e o SEPRONA de Noia, apoiados pola Policía Local e Protección Civil de Boiro. Tras rastrexar as áreas boscosas e camiños agrícolas da zona durante toda a noite, preto das nove desta mañá atopaban ó home no interior dun lavadoiro situado nunha pista forestal de difícil acceso, en Beluso. Estaba en estado de shock e completamente mollado polo que os axentes que o atoparon mesmo tiveron que cubrilo cos seus propios uniformes ata que foi evacuado polos servizos de emerxencia. Neste caso, foi un final feliz para el e a súa familia.  Un gran susto que ben puido acabar en traxedia.