Ribeira deseña un completo programa de dinamización lingüística

    RIBEIRA> As actividades organizadas irán dirixidas tanto a adultos coma a escolares. Esta mañá presentábase na casa consistorial a programación deseñada dende o departamento de Normalización Lingüística. Trátase dun amplo e variado programa de actividades dirixido a todo tipo de idades, tanto adultos coma escolares. Precisamente a edil responsable de Educación, Herminia Pouso, destacou a implicación e participación de tódolos centros educativos do municipio. Varias serán as propostas. Para os adultos volverán a ofertarse, en colaboración co departamento de Servizos Sociais, un obradoiro de lingua galega para persoas maiores e tamén un curso de iniciación á lingua e cultura galega, este máis ben orientado a persoas estranxeiras. En canto á programación para escolares, destaca unha actividade denominada ‘Coñece o teu contorno próximo’, na que se realizan visitas a diversas instalacións municipais como pode ser o concello, a policía ou mesmo a biblioteca. Dentro deste apartado tamén están previstas diversas actividades culturais como é o caso da prevista para este próximo mércores coa proxección da película infantil ‘Maimiño e o espello máximo’ no auditorio municipal.