A ‘Tenda do Nadal’ do Deán abrirá as súas portas este próximo venres

    POBRA> A actividade, organizada polo Centro Comercial Aberto O Deán, en colaboración co concello, desenvolverase durante toda a fin de semana nunha carpa instalada para a ocasión na praza Alcalde Segundo Durán. Esta mañá presentábase no concello pobrense a sextta edición da Tenda de Nadal. Unha actividade promovida pola Asociación do Pequeno Comercio da localidade que ten coma principal finalidade dinamizar as vendas a nivel local nesta época do ano, tan importante para o sector. A iniciativa terá lugar esta próxima fin de semana, do 16 ó 18 de decembro, nunha carpa que estará instalada na praza Alcalde Segundo Durán. Nesta edición tomarán parte uns dezasete comercios pertencentes a distintos sectores, coa finalidade de facer unha oferta máis ampla. Durante os tres días desenvolveranse tamén diferentes actividades, dirixidas non só ós máis pequenos, aínda que serán estes os que teñan un maior protagonismo. A apertura da carpa terá lugar este venres ás cinco da tarde, aínda que a inauguración oficial está prevista para as oito e media. Na xornada do sábado e do domingo o horario de apertura da Tenda de Nadal será ininterrompido de once da mañá a once da noite.