Accidente con feridos na recta de Lesón

    POBRA> No sinistro víronse implicados dous turismos cuxos ocupantes resultaron feridos de diversa consideración. O suceso producíase ó redor das dúas e media desta tarde na zona da Atalaia, na estrada provincial AC-302. No accidente víronse implicados dous vehículos, un todoterreo e un turismo. No primeiro viaxaban tres persoas, mentres que no segundo tan só había un ocupante. Todos eles tiveron que ser trasladados ó hospital da Barbanza con feridas de diversa consideración. Aínda así a peor parada foi a condutora do turismo, un kia de cor negro, que presentaba golpes en varias partes do seu corpo, con especial relevancia na cabeza e na cadeira. Ata o lugar do suceso achegáronse membros de Protección Civil e da Policía Local da Pobra, e posteriormente unha unidade da Garda Civil de Tráfico, para encargarse do atestado e tratar de esclarecer as causas do accidente. A consecuencia do choque a circulación estivo regulada por un axente, aínda que non foi necesaria o peche de ningún do carrís. Dáse a circunstancia de que a zona, coñecida como a recta de Lesón, é un punto negro dentro das vías de comunicación na comarca do Barbanza, na que se rexistran numerosos accidentes, incluso algún deles mortais, pola elevada velocidade á que circulan os vehículos. O anterior goberno local mesmo estudou a posibilidade de implantar na zona radares, e outras medidas de seguridade, aínda que finalmente nunca chegaron a materializarse.