As melloras viarias e a redución da débeda centran o POS de Lousame para 2018

LOUSAME> A corporación municipal de Lousame celebrou n pleno extraordinario que serviu para aprobar as obras incluídas no Plan Único de Concellos, o coñecido coma POS Plus 2018 da Deputación da Coruña. O punto saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno, o Partido Popular, e a abstención do Partido Socialista. Na sesión non participaron os representantes de Terras de Lousame e BNG. Co único voto favorable dos edís do PP aprobouse a proposta da Alcaldía para POS+ 2018. Así destinaranse 360 mil euros a melloras en camiños e accesos a diversos núcleos do municipio, 218 mil a gasto corrente, algo máis de 47 mil a reducir débeda e outros 298 mil ás obras do Plan Complementario, que se executarán no caso de que haxa disponibilidade orzamentaria por parte da Deputación. Entre as obras máis importantes figura a pavimentación de viais en Arxellas e nos accesos a Lesende e San Xusto, así como tamén en Carantoña. Os tres edís do PSOE, o único grupo da oposición que asistiu hoxe o pleno abstivéronse, xustificando o seu voto no nulo consenso á hora de escollelas actuacións a realizar, así como que non se houbera incluído ningún proxecto de saneamento. No pleno tamén se aprobaron por unanimidade as bases que rexerán o Concurso Público para a provisión do posto de Secretaría-Intervención do Concello, ó levar máis dun ano sen secretario e interventor. O anuncio publicarase no BOP ao longo dos próximos días.

Comments are closed.