O executivo sonense traballa na busca dunha nova ubicación para o colexio de Portosín

PORTO DO SON> O alcalde, Luís Oujo, informou das xuntanzas mantidas con Costas e coa consellería de Educación para facer efectivo este traslado, ó atoparse o centro nunha zona de dominio público.

O executivo sonense leva tempo traballando na posibilidade de trasladar o colexio de Portosín a outra  zona fóra do dominio público. Posibilitaríase así a recuperación desta zona de gran riqueza medioambiental e por outra banda dar solución as propias deficiencias estruturais que presenta actualmente este colexio.

Na actualidade hai dúas propostas que xa lle foron trasladadas á propia ANPA do colexio. A que máis convence ó Concello é trasladalo da súa actual ubicación, a carón da praia, a unha parcela de titularidade municipal existente xunto ó pavillón de Trapa.

O rexedor sonense confía en que o futuro goberno da Xunta que saia das eleccións o próximo cinco de abril se comprometa de xeito firme a levar a cabo esta actuación.