Rebaixan a pena a tres portonoveses tras recoñecer ser dunha rede de tráfico de drogas

PONTEVEDRA> Catro veciños de Portonovo sentaron hoxe na bancada da Audiencia Provincial de Pontevedra, acusados dun delito de tráfico de drogas. Tres dos acusados, dous homes e unha muller, recoñeceron os feitos a cambio de rebaixas nas penas de prisión. Ademais, sinalaron como líder do grupo organizado ao cuarto imputado, un mozo natural de Albania. El non recoñeceu os feitos e non quixo prestar declaración. Enfróntase a unha pena de 9 anos e medio de prisión.

Os catro imputados sentaron na bancada acusados de formar parte dun grupo organizado que se dedicaba ao transporte de heroína dende o sur da Península ata Pontevedra. Foron detidos en xuño de 2014, despois de realizar un transporte dende Murcia ata Galicia de case dez quilos de heroína. Tres dos detidos recoñeceron os feitos.

Os dous homes veciños de Sanxenxo, foron os encargados de traer a droga dende Murcia. A Policía interceptounos na peaxe de Vilaboa. Ambos confesaron que foran contratados polo mozo albanés, Erion Musta, para o transporte, a cambio dun pago de 5.000 euros por cabeza.

Tamén confesou o seu papel de colaboradora na trama Ana Isabel Villar, exparella de Erion. Sinalou ao home albanés como líder do grupo, xa que supostamente era quen tiña os contactos cos subministradores da heroína no sur de España. 

A cambio da súa confesión, os tres conseguirán rebaixas nas penas de nove anos e medio que inicialmente solicitaba a Fiscalía.

Quen non recoñeceu os feitos foi o suposto líder. Erion Musta negouse a declarar, e a súa defensa pediu a anulación das escoitas telefónicas realizadas por vulnerar os dereitos fundamentais. Cuestión que se resolverá na sentenza. Para el, a Fiscalía mantén a petición dunha pena de 9 anos e medio de prisión por un delito contra a saúde pública.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/17/xuizo_drogas_audiencia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/17/xuizo_drogas_audiencia.mp4{/flowplayer}