O PP lamenta a imaxe que as “peñas” deixarán na cidade dende este domingo

Pontevedra>  Dende o PP de Pontevedra denunciaron nesta xornada que a Boa Vila ofrecerá, nesta fin de semana de peñas, a súa peor imaxe ante os centos de turistas que nestes días aterran na capital de provincia. Ademais dende a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias tamén solicitan, para estes días, un incremento dos efectivos sanitarios.

Dende as filas populares lamentaron a imaxe que Pontevedra dará nesta fin de semana aos turistas que nos visitan. Unha fin de semana onde comezarán as Peñas na cidade e onde centos de mozas e mozos sairán ás rúas e farán botellón. Dende o PP consideran que esta iniciativa se podería levar a outra zona da Boa Vila, como o Pazo de Congresos, e lamentan que a hostalería perda cartos durante estes días de celebración.

Na rolda de prensa desta mañá dende o PP estiveron acompañados pola Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias, unha entidade dende a cal solicitan un incremento dos efectivos sanitarios, concretamente a instalación dun hospital de campaña na zona de Santa María, 3 ambulacias máis a maiores da que vai a estar cubrindo peñas, que se traslade o botellón ao Pazo da Cultura e que non se permita facer botellón diante dunha residencia xeriátrica como é Santa María.

Dende as filas populares din que  Goberno do BNG permita beber nas rúas durante estes días supón un efecto chamada polo que cada vez máis mozos participan deste botellón. Nese sentido, e segundo datos ofrecidos pola Policía local, segundo anunciaron os populares nesta xornada, a media de idade das persoas que participan neste macrobotellón está entre os 13 e os 17 anos.  Por esta razón dende o PP emprazaron ao Goberno de Lores a que aplique medidas que permitan paliar esta situación.