Lores e Mosquera presentan en Madrid o libro: “Pontevedra outra mobilidade, outra cidade”

PONTEVEDRA> Esta mañá era presentado na Fundacións Pons de Madrid o libro “Pontevedra outra mobilidade, outra cidade” da man do seu coordinador, o nacionalista César Mosquera, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Este é o primeiro libro da colección “Mobilidade Responsable” que Pons Seguridade Vial quere sacar para ofrecer solucións aos retos do século XXI.

 

No libro, do que se editaron 1.000 exemplares en galego e castelán, faise unha análise da transformación urbana que viviu Pontevedra nos últimos anos, facendo un repaso á súa mellora da accesibilidade, a mobilidade e o dar prioridade ao peón en vez de aos vehículos.

O alcalde puido explicar ao medio centenar de asistentes as principais medidas empregadas na cidade como a redución da velocidade a 30 km/h ou os pasos elevados que, destacou, permitiron reducir o tráfico en máis dun 70%.

A directora xeral da consultora cualificou o modelo urbano de Pontevedra como “revelador” e o pai do carné por puntos en España asegurou que o libro é case un borrador da lexislación que rematarán por adoptar as cidades.

Lores viaxará nunhas horas a Hong Kong onde o vindeiro martes recibirá o premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China concedido por unha feira internacional china do sector automobilístico.