A nai de Diana Quer e os pais do Chicle coinciden no Xulgado de Padrón

PADRÓN> Os pais do Chicle e a nai de Diana Quer coincidían esta mañá no Xulgado de Padrón. As causas que os levaron ata sede xudicial nada teñen que ver co caso de Diana polo que se trata dun encontro fortuíto. López Pinel acudía a declarar en relación cunha denuncia presentada por violencia de xénero.

A tan só unha semana de que comece o xuízo polo crime de Diana Quer, a nai da moza asasinada e os pais do presunto autor do crime coincidían esta mañá no Xulgado de Padrón. Aínda que a presenza de ambas partes podería facer pensar en cuestión relacionadas co caso de Diana nada máis lonxe da realidade. Diana López Pinel estaba citada polo xulgado de Instrución Número Un de Padrón, en funcións de garda, tras ter presentado esta fin de semana unha denuncia por un presunto delito de violencia sobre a muller. Non é a primeira vez que Diana López Pinel recorre ós tribunais por este motivo. A última, a mediados do pasado mes de outubro, cando denunciou ó seu ex marido por intento de agresión e ameazas.

Trala toma de declaración, a xuíza de Padrón acordou inhibirse ós xulgados de Madrid posto que a maior parte dos feitos relatados tiveron lugar alí. Tamén se deduciu testemuño ós xulgados de Ribeira xa que un dos sucesos denunciados aconteceu na Pobra, que pertence a este partido xudicial. Pola súa banda, o motivo que levou ós pais do Chicle a dependencias xudiciais podería estar relacionado co réxime de visitas da súa neta. Tras este encontro, froito da casualidade, ámbalas dúas partes volverán verse as caras na Audiencia Provincial de Santiago, onde a vindeira semana arrancará o xuízo polo asasinato de Diana Quer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí