Nós Candidatura preséntase en Ribeira como a mellor opción para Galicia

    RIBEIRA> O local do Ateneo Valle-Inclán acollía un acto da nova formación que serviu de presentación do que será o seu cabeza de lista pola provincia da Coruña, o ribeirense Carlos Callón. Á falla aínda de varias semanas para o inicio oficial da campaña electoral das eleccións xerais, que se celebrarán o próximo vinte de decembro, a maior parte dos partidos apuran estes días diversos actos para dar a coñecer ós que serán os seus candidatos. Nós Candidatura Galega organizou en Ribeira un acto no que tomou parte o seu cabeza de lista pola provincia da Coruña, Carlos Callón. Na súa intervención fixo referencia á importancia destes próximos comicios, e do que realmente se xogan os galegos neles. Segundo el Nós Candidatura Galega é a formación que mellor representa os valores de Galicia polo que considera imprescindible a súa presenza en Madrid para seguir defendendo os nosos intereses. No acto Callón estivo tamén acompañado por outros dous integrantes da súa candidatura, neste caso o exalcalde de Boiro Xosé Deira e a edil do BNG na Pobra do Caramiñal, Cristina Andrade.

    Comments are closed.