Grupos de voluntarios organízanse para retirar os pellets de plástico das praias

PORTO DO SON> Mentres continúa o cruce de acusación entre as distintas administracións sobre as competencias para a limpeza do litoral, son os voluntarios os que continúan a traballar nas praias para retirar as minúsculas boliñas de plástico. Esta mañá media ducia de persoas dábanse cita na praia de Caveiro, en Porto do Son.

Con poucos medios pero con moita vontade, un grupo de voluntarios acudía esta mañá á praia sonense de Caveiro para retirar os pellets de plástico chegados ata o areal. A pesar da chuvia e do intenso frío da xornada, traballaron a reo para recoller as boliñas, tarefa que entraña gran dificultade posto que son moi lixeiras e mestúranse coa area con moita facilidade.

Precisamente, o ideal para retiralas é pasar un angazo pola superficie da area e depositar todo o material nun balde de auga para separar as boliñas que saen a flote.

A pesar do traballo realizado, os voluntarios son conscientes de que en poucas horas a praia volverá estar inundada polo que algúns xa cualifican de ‘marea branca’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí