A nova asociacion de cerqueiros demanda a xestión individual dos cupos

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/30/nova_asociacion_cerqueiros_galegos_3011151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/30/nova_asociacion_cerqueiros_galegos_301115.mp4{/flowplayer} BARBANZA> A recentemente constituída Asociación de Cerqueiros Galegos agarda que as súas demandas sexan recollidas na nova lei de pesca que se publicará esta mesma semana. A principal mellora será a posibilidade de optimizar a xestión do cupo de cada embarcación, intercambiando as cotas de distintas especies. A nova agrupación integra a uns corenta armadores descontentos con ACERGA, a asociación que aglutina á maior parte do cerco galego. Fronte ás mobilizacións e as dificultades para chegar a acordo, a asociación ‘Cerqueiros galegos’ aposta pola unidade, na busca dunha mellora das posibilidades de pesca para toda a flota. Rexeitan o reparto lineal xa que consideran que prexudicaría á flota galega que actualmente dispón da porcentaxe maioritaria de cota de xurelo, a principal especie para o cerco. Fronte ó reparto por barco e tripulante, propoñen por que as embarcacións xestionen a súa cota por grupos abrindo a porta a realizar intercambios entre flotas ou especies. Tamén trasladaron á administración a súa demanda de que se consuma a cota na súa totalidade, realizando un reconto no mes de outubro para proceder a un novo reparto entre toda a flota. Aínda que satisfeitos por estas melloras a incluír na nova lei de pesca, son conscientes de que a cota segue sendo escasa polo que seguirán reclamando a Europa un maior equilibrio no reparto entre países. A aparición desta nova asociación xurde nun contexto moi complicado para o cerco galego coa maior parte da flota amarrada e unha acampada de protesta fronte ás dependencias da Xunta en san Caetano. O novo colectivo nace como voz discrepante da, ata o de agora, asociación maioritaria do cerco en Galicia, ACERGA.