Renacer incide na prevención para reducir os contaxios de SIDA

    RIBEIRA> Como cada un de decembro, a asociación Renacer organizou diferentes actividades para celebrar o Día Mundial da Sida. O principal obxectivo é fomentar a prevención para evitar o risco de contaxio desta enfermidade cunha gran incidencia no noso país, moi por riba da media europea. Se ben Renacer traballa durante todo o ano na prevención de enfermidades infecciosas como o VIH, neste un de decembro intensifícanse as actividades para conmemorar o Día da SIDA. Ademais das charlas e mesas informativas nos centros escolares, os membros da entidade saíron á rúa co obxectivo de concienciar á xente sobre esta doenza cun alto índice de contaxios debidos maioritariamente á falla de prevención. Ademais de evitar as relacións sexuais de risco como principal medida para reducir o risco de contaxio, dende Renacer aconsellan ós cidadáns a realización de probas para detectar se son portadores do VIH. Malia que a existencia de tratamentos converteron á SIDA nunha doenza crónica dende hai anos, o certo é que persiste aínda un estigma social entre os portadores do virus. A intención de Renacer é destapar os tabús que rodean a enfermidade, a través da información.