ACERGA estuda recorrer o plan de xestión do Cantábrico Noroeste para o 2016

    PORTO DO SON> A Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (ACERGA) continuará co seu calendario de mobilizacións tras coñecer o novo plan de xestión do cantábrico noroeste. Os representantes da entidade denuncian o incumprimento dos compromisos adquiridos polas administracións xa que o reparto de cotas mantense para o 2016 como ata o de agora. Descontento no seo de ACERGA tras coñecer o contido do plan de xestión do Cantábrico Noroeste para o 2016, publicado esta semana no Boletín Oficial do Estado. Lonxe de recoller as demandas da asociación, os seus representantes denuncian que a nova norma mantense practicamente invariable con respecto á anterior orde contribuíndo din a ‘afundir aínda máis o sector do cerco’. Aínda que non conseguiran chegar a acordo co Ministerio dende a asociación maioritaria do cerco en Galicia agardaban achegar posturas para abordar cambios no sistema de reparto de copas en virtude do compromiso adquirido pola a secretaría xeral de pesca. Sen embargo, trala publicación do decreto comprobaron que se manteñen exactamente os mesmos criterios primando os históricos de capturas en lugar de promover un reparto lineal por embarcación e tripulante. Así as cousas, os membros de ACERGA que representa a cento vinte embarcacións de toda Galicia, reuniranse este sábado en asemblea para acordar o camiño a seguir. Ademais de manter a acampada en San Caetano e organizar novas mobilizacións non descartan recorrer o decreto ministerial e mesmo presentar un recurso de inconstitucionalidade por terse aprobado co goberno en funcións ás portas dunhas eleccións xerais.