PORTO DO SON> A Deputación da Coruña achega vinte mil euros para dinamizar o centro de interpretación do Castro de Baroña de Porto do Son. O concello, que completa o investimento con outros dez mil euros no marco deste convenio, pretende acometer un proxecto turístico global ofrecendo unha ampla oferta de actividades ós numerosos visitantes que recibe o xacemento castrexo. As máis de cento vinte mil visitas que recibe o castro de Baroña ó ano falan por si soas da importancia deste xacemento como dinamizador turístico da comarca. O obxectivo do concello de Porto do Son é atraer eses visitantes ata o propio núcleo de Porto do Son deseñando unha oferta turística global en relación ó castro. Grazas ó apoio da Deputación da Coruña, o proxecto vai tomando forma a través dun amplo programa de actividades desenvolvidas dende o centro de interpretación do castro de Baroña, en colaboración coa oficina de información turística e o museo Marea. Este convenio permitirá a realización de visitas guiadas a cargo de persoal técnico que darán a coñecer as singularidades deste vestixio castrexo así como doutros elementos patrimoniais do municipio. Este ambicioso proxecto repercutirá positivamente non so na comarca muradá senón tamén no Barbanza dada a proximidade xeográfica de Porto do Son a concellos como Ribeira ou Noia.
Inicio Barbanza - Muros - Noia