O PP denuncia que o Plan de Emprego da Deputación non se axusta ao anunciado

PONTEVEDRA> O Partido Popular da provincia carga contra o Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra. Segundo o grupo, os traballadores están a cobrar algo menos de 645 euros, cando a presidenta provincial falara de salarios de ao redor de 1.000. Os populares apuntan tamén a que non hai posibilidade de prórroga, que o tempo se reduce a dous meses e que os traballadores ingresan menos da metade do que recibían por seis meses de traballo.

O Partido Popular denuncia que o Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra non se axusta ao anunciado. Tras coñecerse as primeiras nóminas dos traballadores, o grupo apunta a que por 35 horas de traballo á semana o salario neto é de 646 euros. No plan de emprego do anterior goberno provincial, por 25 horas percibían 463 euros.

Tamén insisten en que non existe posibilidade de prórroga. Os beneficiarios só terán traballo dous meses, ingresando menos da metade do que percibían cos seis meses de emprego que contemplaba o anterior plan.

Dende o Partido Popular acusaron a Carmela Silva de improvisar, e criticaron tamén que os custos que ten a contratación destes traballadores para os concellos é o mesmo para dous que para seis meses de servizo. Os populares denunciaron que para recortar estes gastos algúns municipios optaron por mercar equipamentos máis baratos e menos axeitados para os labores destes traballadores.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/02/pp_depo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/02/pp_depo.mp4{/flowplayer}