As Festas da Peregrina gañan un día co concerto de Víctor Manuel, impulsado polo Xacobeo

PONTEVEDRA> Los Planetas e Ilegales son os nomes que completan a programación dos grandes concertos das Festas da Peregrina de Pontevedra. A maiores, súmase ás actuacións na cidade Víctor Manuel. O seu concerto está impulsado polo Xacobeo e será o luns 22 de agosto, como substituto do cancelado de Bunbury. Dende o concello prometen unhas festas cunha programación intensa e con volta á normalidade precovid.

Este 2022 volven os grandes concertos ás Festas da Peregrina. A Praza do Concello acollerá o escenario principal e hoxe dende o concello anunciaron os dous nomes que completarán a programación: Los Planetas, que abrirán as festas do 13 de agosto e Ilegales, que actuarán o 21.

Tamén pasarán por este escenario Zahara o14, Coque Malla o 15, Fernando Costa o 16, o 17 Treixadura, Juancho Marqués o 19 e Camela o 21 de agosto. Como novidade, este ano haberá concerto tamén o día 22. Actuará Víctor Manuel, da man do Xacobeo como substituto de Bunbury.

Todos os concertos serán gratuítos e comezarán ás 22.30. Ademais, nas Festas da Peregrina haberá actuacións na praza da Ferrería, pasarrúas a diario e actividades infantís, que este ano mudarán o escenario do Teucro polo da praza da Curtidoira.

Outra das grandes citas da programación será a Batalla de Flores. Será o xoves 18 e este ano amplía percorrido: partirá dende a rúa Virxinia Pereira.

Este ano recupéranse tamén os fogos artificiais dos días 13, 15 e 21 de agosto. Pero este ano mudarase o punto de tirada. Un cambio na normativa de Portos de Galicia impide facelo en terreo portuario, así que o escenario tradicional das Corbaceiras mudarase por un espazo entre a ponte de Santiago e a do Burgo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí