{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/03/denuncia_vilaxoan.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/03/denuncia_vilaxoan.mp4{/flowplayer}
VILAGARCÍA> Unha veciña de Vilaxoan denuncia as trabas que se atopa para facerse cargo dunha muller de 82 anos enferma de Alzhéimer. Segundo Isabel Abal, no verán un xuíz decidiu dar a tutela da anciá ao seu fillo pero aínda non conseguiron que se execute a sentenza. Polo de momento, a muller continúa vivindo cun fillo, que impide ao resto da familia que poida visitala. A desesperación levouna a facer pública a súa situación, pedindo aos xulgados o apoio necesario para executar a sentenza.
O calvario para a familia de Isabel Abal comezou en maio de 2014.
Preocúpalles a situación na que vive a sogra de Isabel e nai do seu marido, unha muller de 82 anos e enferma de Alzhéimer.
A partires dese momento, comezaron unha batalla legal para conseguir a tutela da anciá, que culminou no verán cunha sentenza ao seu favor.
Pero a pesares de que a xustiza lles deu a razón, non puideron recoller a muller. Aínda que o solicitaron o 23 de outubro, a sentenza segue sen executar. Por iso piden o amparo dos xulgados.
Nesta loita contan co apoio de moitos veciños. Aseguran que hai tempo que a anciá non sae á rúa, polo que descoñecen en que situación se atopa.
Despois de visitas case diarias aos xulgados, a familia aínda non atopou resposta, e a desesperación e a impotencia levaron a Isabel Abal a facer pública a súa situación.