AMICOS reivindica a igualdade no Día Mundial da Discapacidade

    BOIRO> Boiro volveu ser escenario dos actos de conmemoración do Día Mundial da Discapacidade. Escolares do municipio e usuarios do centro ocupacional e a residencia de AMICOS protagonizaron unha xornada reivindicativa pola igualdade de dereitos. O ceo nesta xornada anubrada volveuse tinguir de cor azul coa xa tradicional solta de globos que cada ano vén desenvolvendo a asociación AMICOS na praza do concello de Boiro para conmemorar o Día Mundial da Discapacidade. Dous usuarios desta entidade deron lectura a un manifesto reivindicativo sobre a necesidade de avanzar cara unha sociedade nas que as persoas con diversidade funcional conten con igualdade de oportunidades. Escolares dos centros educativos do municipio sumaron a súa voz a esta reivindicación á que tamén se uniron as autoridades de toda a comarca. Os asistentes destacaron o inestimable labor que AMICOS vén desenvolvendo ó longo dos últimos quince anos polo que as administracións comprometéronse a seguir apoiando o seu proxecto baseado no respecto a e integración.