A Consellería nega que a Lei de Acuicultura busque a ‘privatización’ do marisqueo

    VILAGARCÍA> A Conselleira do Mar non entende os motivos do rexeitamento á lei de acuicultura expresado por parte do sector. Rosa Quintana atribúe esta oposición ó rexeitamento dunha norma que tan só pretende, di, crear un marco xurídico seguro e deixar as portas abertas cara o futuro. O anteproxecto da lei de acuicultura, en fase de exposición pública, xerou unha importante contestación por parte de determinados sectores como os mexilloeiros ou mariscadores. A Conselleira do Mar afirmou non entender os motivos que sustentan este rexeitamento xa que se trata dunha norma que ademais de axilizar a tramitación burocrática outorgará unha maior seguridade xurídica para desenvolver o inmenso potencial acuícola de Galicia. Un dos puntos máis polémicos da lei é a posibilidade de que o marisqueo se converta en actividade acuícola transformando as concesións en parques de cultivo colectivos. Algunhas confrarías ven, neste punto, o primeiro paso cara a privatización das praias. Algo que a administración nega de xeito categórico aclarando que se trata dun paso voluntario e colectivo xa que serían as propias confrarías, cooperativas ou asociacións de profesionais as responsables da xestión. Fronte ós argumentos negativos esgrimidos por varios patróns maiores, Rosa Quintana apunta os beneficios que suporía acollerse ó réxime específico de acuicultura, dende o acceso ós numerosos fondos que destina Europa a esta actividade, o cobro de axudas nos casos de peches cautelares por biotoxina ou os cambios nas tallas mínimas. Mesmo podería supoñer un arma eficaz na loita contra o furtivismo posto que recibiría un tratamento xurídico ó tratarse dun atentado contra un ben público pero en réxime de concesión privada. Non só os mariscadores senón tamén os bateeiros, que representan a maior porcentaxe da actividade acuícola en Galicia, ven na nova lei unha ameaza para o sector. A Conselleira considera que é preciso desbotar certos mitos que pesan sobre a acuicultura. E que mellor maneira de facelo con esta lei que establece as bases técnicas e científicas para avaliar cada proxecto garantindo a súa viabilidade socioeconómico e medioambiental. Rosa Quintana volve tende a man ó sector animándoos a presentar as alegacións que consideren necesarias para mellorar a lei. Polo momento, malia que se ampliou en quince días o prazo de exposición pública, tan só teñen recibido varios informes de conclusións pero ningunha proposta. O prazo remata o próximo día quince.