Menos e peores servizos no Hospital do Salnés tras catro anos de Área Integrada

    VILAGARCÍA> A incorporación do Hospital do Salnés á Área Integrada de Pontevedra deteriora o servizo que ofrece o centro comarcal. Cando menos, iso ven de denunciar a Xunta de Persoal. Catro anos despois de que se producira esta integración, o órgano asegura que perderon servizos de todo tipo, ademais de calidade asistencial.

    Hai xa catro anos que o Hospital do Salnés pasou a formar parte da Área Integrada de Pontevedra. Un cambio que, segundo a xunta de persoal, non beneficiou en nada o centro comarcal.

    Segundo o seu balance, catro anos despois cumpríronse os seus peores prognósticos. Servizos como almacén, informática ou contabilidade pasaron a xestionarse dende Pontevedra. Tamén o orzamento, que agora é da Área Integrada.

    O Hospital do Salnés perdeu tamén os servizos de neuroloxía e neuropediatría, ademais de ver reducidos os días de consulta de cardioloxía ou de dispoñibilidade da unidade móbil de resonancia magnética. Algo que repercute nos pacientes.

    Denuncian, ademais, que esta situación non aparece recollida nos datos oficiais que publica o SERGAS.

    Dende a Xunta de Persoal aseguran que son conscientes do malestar dos usuarios. Por iso, animáronnos a que presenten queixas de xeito formal, as que verdadeiramente chegan aos responsables da xestión.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/11/valoracion_eoxi_salnes.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/11/valoracion_eoxi_salnes.mp4{/flowplayer}