CALDAS> Multitudinaria manifestación en Caldas contra a Variante Oeste. Unhas 2.000 persoas botáronse á rúa para amosar o seu rexeitamento a un proxecto que, denuncian, parte en dous lugares e parroquias e mata o rural. Na marcha participaron as distintas plataformas de afectados, así como todos os grupos políticos.
Malia a chuvia Caldas non quedou na casa. A vila acolleu este sábado unha manifestación multitudinaria como había anos que non se lembraba no municipio. Unhas 2.000 participaron na marcha para amosar o seu rexeitamento ao trazado da Variante Oeste. Un proxecto que presentaba no pasado mes de xullo o Ministerio de Transportes e que esperta a preocupación de moitos veciños da zona.
Todo, explicaron, porque esa infraestrutura suporía partir en dous lugares e parroquias de concello de Caldas -e tamén do veciño de Portas- por culpa do acceso ao porto de Vilagarcía. Lamentan que con ese trazado están a condenar a morte o rural.
A marcha arrancou da explanada do Hotel Sena e tivo como punto final do percorrido a praza das Palmeiras, onde se lle deu lectura a un manifesto. Foi convocada polas plataformas veciñais que lideran a oposición a este trazado. Nela tamén estiveron presentes os representantes dos tres grupos políticos da corporación de Caldas: PSOE, PP e BNG. O alcalde, o socialista Jacobo Pérez, celebraba o éxito da convocatoria e di agardar a que pronto cheguen boas novas de Madrid sobre o actual estudo da Variante.
A manifestación desta semana chega semanas despois de que os afectados entregasen na Subdelegación do Goberno en Pontevedra unhas 4.700 alegacións contra o estudo da infraestrutura.










