Rouban 150 quilos de marisco en varias embarcacións de Ribeira

    RIBEIRA> O porto de Ribeira volveu ser vítima dun roubo, esta vez de marisco. Os ladróns accederon á zona dos pantaláns e levaron ó redor de cento cincuenta quilos de nécora, centola e camarón. Os mariñeiros vense obrigados a deixar as capturas fondeadas posto que non teñen onde depositalas ata a hora da subhasta que comeza ás sete da tarde. Ás portas do Nadal, cando o marisco acada os prezos máis elevados, varios mariñeiros de Ribeira viron impotentes como o traballo de dúas xornadas se esfumaba. Seis embarcacións foron vítima dos roubos nos que levaron ó redor de cen quilos de nécora, trinta de centola e vinte de camarón. Esta última especia rolda estes días os cento corenta euros no mercado, mentres que centola véndese a vinte e cinco e a nécora a sesenta. Con estas cotizacións, as perdas para os produtores son máis que considerables. Os feitos xa foron postos en coñecemento de Portos de Galicia e a policía nacional que iniciou unha investigación para determinar a autoría dos roubos. Á espera de dar cos ladróns, a confraría está a buscar medidas que permitan minimizar este tipo de sucesos. Solicitarán ó concello, administrador da lonxa, que lles autorice a gardar o marisco nos depósitos da rula ata a hora da subhasta. Trataríase dunha solución temporal xa que insisten en que é preciso adoptar outro tipo de medidas para evitar o acceso de persoas alleas ó porto. Levan tempo demandando máis vixilancia e a instalación dun sistema de limitación que regule a entrada á zona de pantaláns.