Fabiola García destaca o traballo de A Creba na inserción sociolaboral

NOIA> A  conselleira de Política Social visitou esta mañá as instalacións da Asociación Pro Saúde Mental A Creba, no polígono noiés de Augalevada. Fabiola García puido coñecer de primeira man as necesidades desta entidade que presta servizo a unhas corenta persoas con problemas de saúde mental en toda a comarca de Muros-Noia.

Acompañada do presidente da entidade, Xosé Ramón Girón Garcia, a titular de Política Social coñeceu de primeira man o traballo que desenvolve a entidade sen ánimo de lucro, con máis de vinte e cinco anos de experiencia na atención psico-social de pacientes con enfermidades mentais. Fabiola García puido asistir a varios dos talleres ocupacionais que se desenvolven no centro, entre eles os de deseño téxtil, tratamento do coiro e cestaría, e escoitar tamén as impresións de moitos dos seus usuarios. Na súa intervención felicitou á entidade polo seu traballo na inserción sociolaboral das persoas con discapacidade.

Precisamente, o presidente de A Creba aproveitou a presenza da Conselleira para trasladarlle algunhas desas necesidades como o proxecto de ampliación do centro.

Na actualidade A Creba atende en Noia a unhas corenta persoas afectadas por enfermidades mentais e psiquiátricas, ós que se lle presta apoio e asesoramento.