Ribeira convoca unha xornada de limpeza na praia de Río Azor o próximo sábado

RIBEIRA> O concello de Ribeira convoca unha xornada de limpeza de praias para este sábado. Será a partir das once da mañá en Río Azor e nas calas próximas, a onde os temporais das últimas semanas arrastraron gran cantidade de residuos, principalmente plásticos.

Coa chegada dos temporais, o aspecto das praias nada ten que ver co do verán. A marexada arrastrou ata a costa ribeirense non só argazo e materia orgánica senón tamén gran cantidade de lixo que o concello está a retirar.

Para implicar á cidadanía nestas tarefas convocaron unha xornada de limpeza para o próximo sábado. O punto de encontro será a praia de Río Azor ás 11 da  mañá. Ademais deste areal retirarán o lixo das calas próximas.

Con esta acción, o concello de Ribeira súmase á convocatoria da limpeza que ADEGA levará a cabo en praias de toda Galicia.