Portos e Agan+ presentan en París un pioneiro cruceiro polos portos galegos

PARÍS> O Salón Náutico de París despediuse por este ano. Unha das citas máis importantes da náutica despediuse onte, despois dunha fin de semana dedicada a coñecer as novidades deste mundo. Dende Portos de Galicia non quixeron perderse este escaparate. Por iso, dende o Stand de Turismo de Galicia presentaron un novo modelo de cruceiro costeiro entre os portos galegos, en colaboración coa Asociación Galega de Actividades Náuticas.

 

Portos de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas, AGAN+, desembarcaron o venres stand de Turismo de Galicia no Salón Náutico de París. Ambos aproveitaron este escaparate para presentar un proxecto piloto no que están a traballar: un cruceiro costeiro entre os portos autonómicos galegos.

Con esta oferta de tres días de navegación polas Rías Baixas, chamada “Os Tesouros das Rías de Galicia”, queren pór en valor os recursos náuticos e turísticos da comunidade, ofrecendo un paquete completo con aloxamento, navegación e coñecemento do patrimonio.

Outra das novidades é que os cruceiros utilizarán novas tecnoloxías de realidade aumentada, desenvolvidas en Galicia. Un dos aspectos que tivo mellor acollida.

A proba de fogo deste proxecto será no mes de abril. Concretamente, entre os días 15 e 17 farase a primeira viaxe deste cruceiro, cun percorrido entre Vigo e Vilagarcía.

A do Salón Náutico non foi a única cita importante da fin de semana para a náutica galega. Tamén se celebrou unha reunión da Rede NEA, centrada na preparación da candidatura a fondos comunitarios para o vindeiro ano. Segundo o acordado, as actuacións dirixiranse a desenvolver e innovar a náutica, incluído a creación de cruceiros e cabotaxes costeiros interrexionais para facer do espazo Atlántico unha referencia nos minicruceiros a nivel europeo.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/14/feira_paris.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/14/feira_paris.mp4{/flowplayer}