A Deputación da Coruña contribúe á dinamización das actividades do Museo de Artes

    RIBEIRA> Hai varias semanas a institución provincial asinaba un convenio de colaboración con esta entidade que suporá unha achega de vinte mil euros. Ó longo deste ano foron numerosas as actividades desenvolvidas pola Fundación Museo do Gravado de Artes. Ás exposicións realizadas cos propios fondos da entidade hai que sumarlle outras nas que participan artistas locais. É o caso de ‘Nós-Outras’ que agora se exhibe nunha das salas do museo e que recolle os traballos realizados por un grupo de mulleres creadoras da comarca. Á par das exposicións, a Fundación desenvolve ó longo do ano numerosas actividades. ademais de programas de investigación, estudos e formación. Moitas son posibles, grazas ó compromiso e apoio de diversas Administracións. Unha delas é a Deputación da Coruña que dende hai anos colabora activamente coa entidade. Ademais o Museo continúa ampliando os seus fondos, superando hoxe en día os máis de trinta mil volumes, sendo un dos referentes en canto a gravado antigo e contemporáneo. Proba diso e que boa parte das súas obras foron expostas ó longo do ano en diferentes mostras de prestixio organizadas fóra da localidade, como é o caso de Zaragoza, Vigo, Nova York, Chicago ou Miami, con grande éxito de crítica. A axuda da Deputación permítelle tamén á Fundación poder organizar tódolos anos os Premios Internacionais Atlante, que xa van pola sexta edición, á que concorren artistas procedentes de diferentes países.