Muros mobilízase para esixir máis pediatras

MUROS> Uns 300 veciños concentráronse este sábado no Curro da Praza de Muros para demandar a incorporación dun pediatra. Levan máis dun ano cun profesional de baixa e tan só un médico en activo, compartido co concello de Carnota.

Convocadas polas ANPAS do municipio, máis de 300 persoas concentráronse no Curro da Praza, diante do concello de Muros, para denunciar a falla de pediatras na localidade.

Demandan que se cubra a baixa de longa duración dun dos profesionais do servizo que se prolonga xa máis dun ano posto que tan só contan cunha médico que debe ademais atender o centro de saúde de Carnota. Isto implica que un total de 900 nenos sexan atendidos por tan só unha pediatra polo que, na súa ausencia, son derivados a outros centros de saúde como Noia ou Outes.

Ás queixas dos usuarios súmase tamén as do propio concello que reclama a Sanidade que restableza a normalidade no servizo. A alcaldesa, María Lago, remitiu un escrito á Consellería demandando a incorporación urxente dun profesional.

Sen embargo, dende a Xunta defenden que se están a cumprir as ratios posto que non supera o cupo de mil nenos que recomendan as sociedades científicas. Sen embargo, dende o concello consideran que se trata dunha mostra máis do abandono da sanidade pública por parte do goberno galego, sobre todo nos concellos rurais e máis afastados dos hospitais.