A Deputación aprobará mañá o Plan de Conservación de Estradas 2016

    BARBANZA> A corporación provincial celebrará mañá o derradeiro pleno do ano, no que se dará luz verde a investimentos de mellora en viais por un importe de máis de quince millóns de euros. A de mañá será a primeira vez que a Deputación da Coruña aprobe o Plan Provincial de Conservación de Estradas antes de que comece o ano no que entra en vigor, o que permitirá axilizar a contratación e a execución das obras incluidas no mesmo e realizalas durante a época de bo tempo, de xeito que a maior parte das mesmas poidan estar rematadas antes da época estival. O programa contempla a execución de distintos traballos de mellora do firme, rebacheo e desbroce e limpeza de cunetas en toda a rede viaria provincial. Ós concellos da comarca do Barbanza corresponderanlle máis dun millón de euros mentres que a Muros-Noia a cantidade asignada achegarase ós setecentos mil euros. O pleno provincial aprobará tamén unha partida de 198 mil euros para financiar as obras da nova ludoteca de Porto do Son e o acondicionamento dos accesos do exterior, situada na planta inferior do edificio da nova gardería.