A presión veciñal provoca a paralización das obras no Petón

MUROS> A presión dos veciños posibilitou a paralización da construción dun muro nunha finca particular no Petón, nun dos accesos á praia de Parameán. Costas, que deu autorización  nun primeiro momento á actuación, decidiu finalmente parar a obra.

A construción deste muro no lugar de Petón, nun dos accesos á praia de Parameán, é o motivo da disputa. Os veciños da zona decidiron mobilizarse ó entender que invade terreo público. Fixeron chegar as súas queixas á Demarcación de Costas, que foi quen autorizou a obra, pero tamén ó Concello. Precisamente a alcaldesa en funcións, María Xosé Alfonso, informou de que xa asinou un decreto de paralización das obras, ó comprobar que a documentación presentada nun primeiro momento polo promotor da obra no Concello era insuficiente.

Os veciños de Esteiro iniciaron tamén unha campaña de recollida de sinaturas para expresar o seu rexeitamento a esta actuación, así como tamén a través da plataforma Change.org. Sinaturas que posteriormente teñen intención de remitirllas á Deputación, Costas, Xunta e ó propio Concello.