Novo acto vandálico en Ribeira contra o patrimonio municipal

    RIBEIRA> Nesta ocasión o ataque producíase no edificio do centro social existente na parroquia de Carreira. Segundo informaron fontes do propio goberno local, despois dunha primeira inspección nas instalacións os desperfectos poderían ascender a uns trinta mil euros. Ademais da rotura de varios vidros da carpintería exterior, os destrozos afectaron ó cadro eléctrico, no alumeado de emerxencia e noutros mecanismos coma enchufes e interruptores. A situación obrigará ó executivo a retrasar o inicio da última e definitiva fase de construción do inmoble. Unha actuación xa adxudicada que estaba a piques de iniciarse por importe duns 213 mil euros. o Concello deberá agora habilitar unha partida económica para arranxar todos estes desperfectos. O Concello xa denunciou este lamentable suceso na Policía Nacional co fin de dar co paradoiro do posible ou posibles autores.