Boiro reducirá o consumo eléctrico cun plan de aforro enerxético

    BOIRO> O concello de Boiro porá en marcha un plan de aforro enerxético para reducir o consumo eléctrico nas dependencias municipais. Ademais da substitución das luminarias por dispositivos de baixo consumo, reduciranse os custos do servizo de mantemento de ascensores a través dun novo contrato. As preto de mil seiscentas luminarias do concello de Boiro, incluíndo o edificio administrativo, o mercado municipal e o aparcadoiro supoñen un gasto anual de corenta e cinco mil euros. A intención do executivo é reducir esta cifra ata dezanove mil euros, coa substitución das luces por outras de baixo consumo, podendo destinar os recursos sobrantes a outros investimentos e obras no municipio. Ademais do aforro enerxético, este plan reducirá a contaminación lumínica en cumprimento das directivas europeas na materia. Tamén se procederá a sacar novamente a concurso o servizo de mantemento dos ascensores que suporá tamén unha notable redución con respecto á empresa que viña operando ata o momento. As medidas non acaban aquí xa que o executivo implantará medidas para reducir o consumo de calefacción substituíndo os combustibles fósiles por enerxías alternativas.