Mar aposta por unificar criterios para a etiquetaxe do mexillón galego

    GALICIA> A Consellería do Mar aposta por unha denominación de orixe protexida para o mexillón de Galicia que agrupe os intereses de toda a cadea do sector miticultor. Así o explicou Rosa Quintana, nunha comparecencia no Parlamento, na que destacou a necesidade de clarexar os criterios de etiquetaxe do mexillón galego na conserva. Os criterios para definir os produtos que se enmarcan baixo o selo da DOP Mexillón de Galicia convertéronse no último motivo de discordia entre o goberno galego e a oposición. A Conselleira viuse obrigada a explicar no Parlamento, en resposta a unha interpelación sobre a etiquetaxe do mexillón, que a Xunta defende a DOP sempre que integre os intereses de tódolos actores implicados no proceso de produción. Neste sentido, Rosa Quintana explicou que se ten solicitado un ditame técnico e biolóxico ó Comité Científico sobre as DOP da Unión Europea para aclarar se o mexillón en fresco e o mesmo que en conserva á hora da certificación. Referiuse neste aspecto á sentenza emitida recentemente pola audiencia provincial de Pontevedra que condenaba a unha conserveira por competencia desleal, ó etiquetar produtos baixo o selo de mexillón galego sen estar amparado pola certificación. Insistiu en que non crea xurisprudencia xa que só ten efecto entre as partes implicadas no procedemento. Por outra banda, Rosa Quintana indicou que, na actualidade, o Consello Regulador tan só está a certificar coa marca protexida o catorce por cento do total de mexillón producido nas rías galegas. Isto implica que unhas duascentas mil toneladas de bivalvo galego quedarían sen posibilidade de identificar a súa orixe e procedencia.