Mar desminte o presunto ‘afán privatizador’ da futura Lei de Acuicultura

    SANTIAGO> A conselleira do Mar presidiu a Comisión do Mexillón para analizar cos representantes deste sector as alegacións á futura Lei de Acuicultura de Galicia. Rosa Quintana mandou unha mensaxe de tranquilidade ó sector sinalando que con esta lei a Xunta está a propoñer unha posibilidade de desenvolvemento social e económico para Galicia, moi lonxe da privatización. Ampliar as posibilidade de desenvolvemento socioeconómico de Galicia e minimizar o impacto ambiental da actividade acuícola. Estes son dous dos obxectivos que persegue a futura lei de acuicultura de Galicia, lonxe da pretendida privatización á que aluden numerosos sectores do mar; algo que a Conselleira cualifica de inocentada. Durante a reunión da comisión do mexillón, Rosa Quintana quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade asegurando que ningunha das iniciativas promovidas polo seu departamento prexudicará ó sector do mar. Neste sentido puxo como exemplo algúns dos proxectos xa desenvolvidos como a posta a cero dos contadores das bateas, a ampliacións das concesións ou a concesión dos títulos definitivos dos parquistas de Carril. Tras esta primeira xuntanza co sector miticultor, a intención da Consellería é reunirse con representantes do marisqueo e da pesca artesanal para analizar as alegacións e clarificar os contidos da futura lei.