Cita na Xunta para desbloquear o Mercado

    VILAGARCÍA> O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Urbanismo, Paola María Mochales, reuniranse a próxima semana coa directora xeral de Patrimonio da Xunta para intentar desbloquear a segunda fase das obras do Mercado. O concello, que solicitara a entrevista co propio conselleiro de Cultura, exporá a Carmen Martínez os motivos polos que a obra debe seguir adiante. Fundamentalmente que o proxecto cumpre con tódolos requisitos. Todos agás o de Patrimonio, que pon como condicionante para que poida seguir a obra que se recuperen as antigas escaleiras centrais do edificio. As escalinatas elimináranse na primeira fase da reforma, e segundo o novo goberno local, agora é imposible recuperar esa infraestrutura. Aseguran que continuar coas obras é imprescindible, pois a praza, din, é un motor económico da cidade. Ademais apuntan a que contan co investimento preciso e unha subvención de 240 mil euros da consellería de industria con cargo ós orzamentos de 2015 e prorrogada ata este 2016. Por certo, falando de orzamentos, este xoves, o alcalde Alberto Varela convocou ós voceiros dos grupos da corporación para concretar o proxecto dos presupostos para este ano. A cita é o xoves ás doce do día.