Ribeira aproba por unanimidade o Plan de Desenvolvemento Urbano Sostible

    RIBEIRA> O pleno de Ribeira aprobou por unanimidade o Plan de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado. Con esta proposta optarán a unha subvención europea de máis de seis millóns de euros que suporán unha continuación dos proxectos acometidos no marco de Riveira Atlántica. A corporación ribeirense celebrou un pleno extraordinario urxente motivado pola necesidade de aprobar o Plan de Desenvolvemento Urbano sostible antes do día trece de xaneiro. Trátase dun estudo sobre as fortalezas e debilidades do municipio do que saen catro ámbitos de actuación para conformar unha cidade intelixente, eficiente, turística e humana. Con este plan, Ribeira opta a unha nova convocatoria de fondos europeos por valor de seis coma dous millóns de euros cos que desenvolver proxectos encamiñados á inclusión social, a mellora no uso das TIC, a eficiencia enerxética e a promoción dos recursos naturais. Dado que o deseño do plan realizouse mediante un proceso participativo, implicando a entidades e asociacións e mesmo a cidadáns anónimos que puideron realizar as súas achegas a través da web, a proposta foi aprobada de xeito unánime. Tan só o PSOE amosou reparos sobre a rigorosidade da documentación ó poñer en dúbida a fiabilidade dalgúns datos e mesmo os resultados do anterior proxecto ‘Ribeira Atlantica’; algo que dende o grupo de goberno desmentiron. A sesión deste mediodía serviu tamén para efectuar a toma de posesión do concelleiro popular Anxo Orellán que substitúe á Aroa Fernández que presentou a súa renuncia por motivos persoais.