Jealsa adquire a última parcela dispoñible no polígono de Rianxo

RIANXO> O polígono industrial de Rianxo xa está ó cen por cento da súa ocupación. A compra dunha parcela de preto de 30 mil metros cadrados esgota a actual superficie dispoñible polo que concello e SEA traballan xa na súa ampliación.

Á recente implantación de Cerqueiras e Stolt Sea Farm súmase agora outro gran grupo empresarial que proximamente se asentará en Rianxo. Trátase de Jealsa que vén de adquirir a última parcela dispoñible, de aproximadamente 30 mil metros cadrados.

Complétase así a ocupación do polígono rianxeiro que aínda que, tras uns inicios máis modestos, comezou a consolidarse a partir do ano 2019.

A operación de compra venda levarase ó próximo consello de administración de SEA. A súa xerente destacou a boa colaboración entre administracións e público privada para seguir consolidando proxectos empresariais coa vista posta xa na ampliación de chan industrial.