SANTIAGO> O cerco galego volveu reunirse coa Conselleira do Mar para estudar a proposta de establecer un chan mínimo de capturas para as embarcacións que non teñen cota. Os representantes dos distintos sectores deberán agora trasladar esta alternativa ás súas respectivas asembleas. De aceptala, a Xunta informará ó Ministerio do cambio de modelo aprobado polo sector. Os distintos sectores do cerco galego volveron achegar posturas na reunión celebrada esta mañá nas dependencias da Consellería do Mar para analizar a proposta de reasignación de cotas. Establécese un mínimo de dez mil toneladas de xurelo para as embarcacións máis pequenas, de cero a cinco GTS. A partir de aí, iguálase o mínimo de cota para cada segmento de embarcacións agrupadas por tamaño. A proposta semella contentar á maior parte da flota, ata o de agora enfrontada polo modelo de reparto. Asociacións como a recentemente constituída ‘Cerqueiros Galegos’ ve con bos ollos este modelo que garante a actividade a tódalas embarcacións. Entenden que non é moito pero dentro das posibilidades de cota con que conta Galicia trátase dunha saída razoable. Máis críticos se amosaron os representares de ACERGA á saída da reunión que seguen demandando un reparto liñal, ben por embarcación ou ben por tripulante. Consideran que unha asignación de dez mil toneladas non solucionaría a situación de numerosas embarcacións que apenas contan con posibilidades de pesca polo que propoñen un reparto equitativo. Neste sentido lembraron que xa o teñen recorrido ante os tribunales, proceso que seguirá o seu camiño pola vía xudicial. Á espera de que cada asociación traslade a proposta ós seus membros para ser ratificada en asemblea, os representantes da flota manterán este xoves unha nova xuntanza no Ministerio á que asistirán o resto de comunidades.
Inicio Barbanza - Muros - Noia