NOIA> A parroquia de San Martiño vén de presentar a programación deste ano da Semana Santa. Os actos arrancarán o tres de abril co Venres de Paixón, anterior a Ramos, cunha misa solemne na honra da Virxe das Dores, ás sete e media da tarde, e posterior procesión.
Un total de catro confrarías: a das Dores, a do Nazareno e a Terceira Orde Franciscana Segrar, á que se lle suma este ano a do Resucitado, serán as encargadas de organizar os actos desta Semana Santa na parroquia noiesa de San Martiño. Ó venres de Paixón, seguiralle o sábado, o tradicional concerto de saetas, que chega á súa terceira edición.O domingo de Ramos, 5 de abril, haberá dúas procesións. Unha pola mañá, ás doce, a da Borriquiña, e outra pola tarde, ás seis menos cuarto, que coincidirá ademais co Pregón, este ano a cargo do prestixioso oftalmólogo Xosé María Fandiño.
Unha das principais novidades da programación deste ano terá lugar o Mércores Santo, o día 8 de abril, coa procesión do Santo Cristo da Misericordia.
O Xoves Santo celebrarase a cea do Señor ás sete e media e a Procesión das Carracas, e o Venres Santo volverán a organizarse dúas procesións. Pola mañá a do Encontro no Curro, ás dez e media, e pola tarde, ás sete e media, co Desencravo e o Santo Enterro. O Sábado, ás dez, terá lugar a Vixilia Pascual e o domingo, a procesión do Resucitado, na que participan tódalas confrarías.