Fole critica os sete meses de Varela

    VILAGARCÍA> Sobre o que si falou Tomás Fole foi a xestión do goberno local. O voceiro dos populares fixo un balance dos 214 días de goberno de Alberto Varela, un tempo que, asegurou, estivo marcado pola falta de xestión. Fole volveu denunciar o incumprimento do Pacto de Cidade asinado entre socialistas e populares para sacar adiante a organización do concello, e acusou ao alcalde de mentir a outras administracións para botar abaixo proxectos da etapa popular en Ravella.

     

    O voceiro do Partido Popular criticou duramente os máis de 200 días de goberno socialista en Ravella. Para Tomás Fole, este período demostra a falta de palabra do alcalde.

    Molesta especialmente no PP o que eles ven como un incumprimento do pacto de cidade ao que chegaron en setembro, do que só funciona o acordo sobre os salarios. Incluso acusou a Varela de mentir a outras administracións para botar abaixo proxectos da etapa popular, como a reforma da praza de abastos ou as actuacións en O Castriño e na praia da Compostela. Tamén de paralizar outros, como os aseos exteriores e as pistas multiusos e interior de Fexdega.

    Fole tamén denunciou falta de transparencia por parte do goberno que, asegurou, non se reúne coa oposición nin contesta as súas peticións por escrito. O voceiro popular destacou a falta de xestión desta etapa, que atribuíu a loitas internas dos socialistas.

    O ex alcalde asegurou que PSOE e BNG teñen un acordo que levan en secreto, unha reedición do bipartito que gobernou Vilagarcía entre 2007 e 2011 e que, segundo Fole, levou a vila á ruína.