![]()
CAMBADOS> Os traballadores de Alfageme toma unha oficina de Caixanova pedindo que se lles conceda o aval para o plan de viabilidade.
{flowplayer}images/salnes/190110_ALFAGEME.flv{/flowplayer}
Non se cansan de pedilo, e aseguran que non pararán ata ver que as negociacións das que lles falan os políticos comezan a dar froitos. Os traballadores de Alfageme en Ribadumia deixaron por unhas horas o seu peche indefinido na fábrica para iniciar unha marcha cara o concello de Cambados. Seguen a clamar a atención dos dirixentes locais para que o apoio que lles están manifestando non quede en promesas. Manteñen a esperanza de que a situación se arranxe, pero non ven avances, e iso está a converter o conflito en insostible.
Insostible non só porque non estean a percibir os salarios que se lles debe, senón porque aseguran que a marca conserveira de Alfageme comeza a desaparecer dos estantes dos supermercados, e temen que se a situación se alonga, a imaxe poida quedar danada e traia consecuencias negativas no mercado se a empresa segue adiante.
Da praza do concello os traballadores marcharon cara unha oficina de Caixanova próxima para seguir alí coa mobilización. Despois de horas alí concentrados, finalmente conseguiron que Caixanova accedese a financiar o crédito de 1,2 millóns de euros para abonar as mensualidades pendentes, unha das xestións que lles avanzara o conselleiro de Economía Javier Guerra. Mentres, os empregados da factoría de Vilaxoán facían presión pola súa banda nunha entrevista co alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán. Mañá, a cita será en Vilagarcía, cunha nova manifestación ás doce na praza de Galicia, e á mesma hora, no concello do Grove, concentraranse os empregados de Marsac.
Redacción Salnés








