![]()
POBRA > O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, reuniuse esta mañá co vicepresidente da Xunta e Conselleiro de Igualdade e Benestar Social, Anxo Quintana. No transcurso da xuntanza, Maceiras expúxolle ó representante autonómico as principais características do proxecto do Centro para a Integración de Menores con Discapacidade. Este servizo, de carácter pioneiro en toda a comarca, prestará servizo a rapaces procedentes de tódolos municipios barbanzáns.
Anxo Quintana amosou un grande interese polo centro de atención á discapacidade que está a ser construído no concello pobrés. Isaac Maceiras explicoulle ó vicepresidente o estado no que se atopan as obras que, na actualidade, están a piques de rematar.
O rexedor local insistiu ademais no carácter pioneiro deste proxecto a nivel comarcal posto que as novas instalacións darán servizo a nenos de toda Arousa Norte. Ademais da vantaxe que supón o feito de que o servizo se ubique na zona de residencia do neno, porase a disposición dos pacientes un equipo multidisciplinar que prestará unha atención globalizada tanto ós cativos como os seus pais e demais membros da familia.
Na actualidade xa se está a prestar atención a un total de vintedous menores noutras instalacións que serán trasladados ó novo centro, unha vez finalizadas as obras. Os distintos servizos serán impartidos por profesionais de tódolos ámbitos como logopedas, pedagogos, psicólogos, fisioterapeutas ou educadores familiares. Así mesmo, desenvolveranse aulas ocupacionais de informática, manualidades, xardineiría e carpintería para rapaces de entre catorce e dezaseis anos.
O obxectivo prioritario que se pretende coa posta en marcha deste novo servizo é normaliza-la vida do neno, tanto no entorno familiar como no escolar e social en prol da integración.
Ó remate da xuntanza, a concelleira de Servizos Sociais da Pobra, Rosa Fernández Parada, convidou ó vicepresidente a asistir á futura inauguración do centro, co que é moi posible que Anxo Quintana visite a comarca en próximas datas.
Redacción Barbanza









