Os brazos de amarre melloran a seguridade dos mariñeiros da Pobra

    POBRA> O presidente de Portos de Galicia desprazouse ata a Pobra para comprobar o resultado da actuación que acometeu o seu departamento, coa instalación de trinta e cinco brazos de amarre. Nos próximos días, a empresa responsable da obra desprazarase ata a zona para reaxustar algunha das estruturas en función da manga das embarcacións xa que, nalgúns casos, os espazos son moi estreitos. O patrón maior da Pobra felicitábase de que por fin se teña satisfeito esta vella demanda dos produtores que coa instalacións destes brazos de amarre vén notablemente melloradas as condicións de seguridade no seu traballo. Portos de Galicia investiu trinta e cinco mil euros na instalación destas estruturas nos pantaláns das embarcacións de artes menores. Como é habitual neste tipo de actuacións, será preciso recolocar algún dos brazos para axustar aqueles espazos máis estreitos. A empresa responsable da actuación procederá ó reaxuste nos próximos días. Na visita estiveron tamén presentes o voceiro do PP na Pobra, Manuel Durán, e o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, quen agradeceu a Portos que dese resposta a unha necesidade básica para un dos principais colectivos profesionais do municipio.