A Pobra saldará unha débeda histórica con Manuel Hermo

A POBRA> O concello da Pobra renderá homenaxe a Manuel Hermo, alcalde en funcións durante o golpe de estado que foi fusilado en 1937. A súa fotografía sumarase ós retratos dos rexedores que penden das paredes do salón de plenos nun merecido acto de reparación e xustiza.

A fotografía de Manuel Hermo pasará a engrosar a lista de retratos do salón de pleno da Pobra. Con este recoñecemento, o concello pretende saldar unha débeda pendente dende hai 88 anos cando o que fora tenente alcalde e alcalde en funcións foi fusilado.

O acto celebrarase o mércores 17, coincidindo coa data exacta do aniversario da súa morte. Ademais dos discursos institucionais a cargo do alcalde e a concelleira de Memoria Histórica participarán no acto o neto do homenaxeado, que leva tamén o seu nome, e o historiador Antonio Pérez. A nota musical correrá a cargo de Mallou.

A homenaxe terá lugar no salón de plenos ás oito da tarde. Será un acto aberto a toda a cidadanía.