BOIRO> Novo roubo en Boiro. Dous individuos accederon a un local de vending e forzaron tódalas máquinas expendedoras para levar a recadación. Os propietarios do negocio reclaman máis seguridade posto que é o oitavo roubo que sofren.
Non é a primeira vez que este establecemento, emprazado na céntrica Avenida da Constitución de Boiro, recibe a visita dos amigos do alleo. Os seus propietarios estiman que este é o oitavo roubo nas máquinas expendedoras, un obxectivo habitual dos ladróns posto que permanecen abertas as 24 horas. Tanto é así que o seguro xa non as cubre polo que terán que asumir o custo da súa reparación.
As gravacións das cámaras de seguridade mostran ó autor dos roubos encapuchado mentres un cómplice vixía dende o exterior. Os propietarios agardan que poidan ser identificados aínda que entenden que é preciso incrementar a presenza policial para evitar que cheguen a consumarse os roubos.
Dende que abriron o local, hai 8 anos, teñen detectado un crecente problema de inseguridade non só en Boiro senón en toda a comarca do Barbanza.











