Cáritas non ve demanda real para habilitar un albergue

    RIBEIRA> A entidade, que leva décadas traballando en prol dos máis necesitados, está a promover outros proxectos interesantes como a creación dunha clínica de odontoloxía solidaria. Cáritas de Ribeira atende na actualidade ó redor de setecentas persoas, unha cifra algo por baixo da dos últimos anos. Entre os seus principais labores figuran a axuda ó pago do aluguer e servizos básicos, as achegas de alimentos ou mesmo os gastos médicos. Contan tamén cun comedor que atende a unha media diaria de trinta persoas e un roupeiro social. A formación ocupa tamén boa parte do labor da entidade. Entre os proxectos que traballa Cáritas na actualidade destaca o programa de odontoloxía solidaria a través do que as persoas sen recursos poderían acceder ós servizos dun dentista sen custo algún. Tamén nos últimos días, Cáritas mantivo unha xuntanza con outras ONGs da comarca como a asociación barbancesa de axuda e solidariedade ou a plataforma Stop Desafiuzamentos, a raíz da proposta desta última de habilitar un albergue social. Sen embargo, semella que o proxecto quedou estancado posto que non existe demanda real para crear unhas instalacións deste tipo. Dende Cáritas se ofrece aloxamento temporal ás familias ata conseguir a súa integración socio-laboral.