O escudo de A Illa xa está na Deputación

    PONTEVEDRA> A Illa de Arousa xa está presente no Pazo Provincial. Hoxe o escudo do concello uniuse aos dos outros 61 municipios da provincia, despois de oito anos reclamándoo. Unha ausencia simbólica pero que tanto a presidenta da Deputación de Pontevedra como o alcalde da Illa utilizaron como metáfora da discriminación que, aseguraron, sufriu o municipio socialista cos anteriores gobernos do Partido Popular.

    Dende hoxe, o escudo do concello da Illa de Arousa tamén preside as escaleiras principais do Pazo Provincial.

    Un pequeno xesto pero cargado de simbolismo. 

    E é que esta ausencia do escudo foi empregada como metáfora da discriminación que, asegurou o alcalde insular, sufría A Illa.

    Xa hai dezanove anos da súa segregación do concello de Vilanova. Dende entón, segundo Iglesias, a calidade de vida dos veciños non fixo máis que mellorar.

    Por iso non quere oír falar da fusión de municipios que intenta impulsar a Xunta de Galicia. Tampouco a presidenta da Deputación.

    O concello da Illa segue tendo demandas para continuar mellorando. Unha listaxe na que un novo centro de saúde e a reforma das casas modernistas son as máis urxentes.