O BNG propón unha sala de usos múltiples no museo de Ribeira

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira solicita que se habilite unha sala de usos múltiples no museo municipal para acoller exposicións temporais e diversos actos culturais. Propoñen ademais, a iniciativa dos artistas locais, a creación dunha comisión cultural que se reúna de carácter trimestral. O auxe cultural que experimenta Ribeira a través de instalacións como o Museo do Gravado de Artes ou o centro Lustres Rivas non se ve reflectido no museo municipal. Os nacionalistas consideran que nin os horarios nin a oferta de actividades son os máis axeitados para atraer visitantes. Con este obxectivo propoñen o traslado da colección de bonecas tradicionais que ocupa o segundo andar a outras instalacións máis acaídas, como o Museo Etnográfico de Artes. Deste xeito, este espazo quedaría libre para habilitar unha sala de usos múltiples que permitise a organización de actividades dinamizadoras do centro. Na moción, que levarán ó próximo pleno, inclúen tamén a creación dunha comisión cultural na que se integren os artistas locais e representantes dos grupos políticos da corporación. Este órgano reuniríase con carácter trimestral co obxectivo de supervisar as iniciativas culturais no municipio. Pola súa banda, dende o executivo cualifican esta proposta de irrespetuosa ó pretender dispoñer dunha colección tan apreciada polo concello, cando existe un acordo previo de aceptación. Insisten ademais en que o BNG non contactou co museo etnográfico ó que pretenden destinar a mostra polo a proposta carece de rigor. Se ben recoñecen que o museo non está funcionando ó máximo da súa capacidade por motivos de baixa laboral, o goberno reiterou o compromiso de que antes do verán o centro este aberto de luns a sábado en horario de mañá e tarde.